15 xuñ 2017

A Festa das alfombras florais de Bueu e a Semana Santa de Betanzos, festas declaradas de interese turístico de Galicia

 

  • Así o aprobou  o Consello da Xunta unha vez examinadas as solicitudes presentadas que afondan na súa antigüidade e a súas singularidades 

O Consello da Xunta aprobou a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa das Alfombras Florais de Bueu, que conta con 270 anos de antigüidade e terá lugar esta fin de semana, e para a Semana Santa de Betanzos, en pé desde a Idade Media.

 De acordo co procedemento para a declaración de festas de Galicia de interese turístico regulado no capítulo III do Decreto 4/2015, unha vez examinada a solicitude presentada pola Asociación Sociocultural Alfombras de Bueu e emitidos os preceptivos informes, a Axencia de Turismo de Galicia elevou dita proposta ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

No momento de tomar esta decisión, valoráronse os distintos requisitos e criterios de antigüidade, singularidade, arraigamento popular ou valor cultural. Tamén se tiveron en conta aspectos como a afluencia de visitantes, o adecuado coidado dos contornos urbanos, a calidade dos actos que configuran as celebracións e a súa creatividade e innovación.

 A Festa das Alfombras Florais de Bueu ten lugar, na festividade do Corpus Christi, desde hai máis de 270 anos. Desde entón non deixou de evolucionar e froito disto se veñen realizando as alfombras florais ao longo dos últimos 100 anos. O principal signo distintivo é o uso de produtos de orixe mariña (cunchas, algas...) na súa elaboración nun percorrido de 1,5 quilómetros polas rúas de este concello pontevedrés. Tamén se empregan elementos naturais como flores e elementos vexetativos presentes nos distintos xardíns, hortos e montes veciñais e mesmo se ten incorporadas novas técnicas como a papiroflexia.

 A Semana Santa de Betanzos se conmemora durante 10 días desde o Venres de Dores ata o Domingo de Pascua. A súa singularidade ven determinada pola súa imaxinería, que data na súa maioría dos séculos XVIII e XIX. Tamén polo entorno no que discorren as procesións, o casco vello da cidade, declarado conxunto histórico no 1970, e polo vestiario dos cargadores da imaxe de Nosa Sra. Das Dores, tal e como se empregaba xa na antigüidade. En ela, participan cada ano preto dun millar de persoas e conta cun amplo respaldo social.

 Con este recoñecemento, ambas festas súmanse ás preto de 140 festas de interese turístico coas que xa conta a Comunidade galega, das que 9 están declaradas de Interese Turístico Internacional, 11 de Interese Turístico Nacional e 117 de Interese Turístico de Galicia.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!